Obxectivos
O noso proxecto aspira a unir o máximo número de actores sociais (cidadanía, empresas, organizacións sociais, institucións…) para producir enerxía renovable. Esta aspiración concrétase no logro dunha ampla difusión da proposta e, a través desta, dunha notable participación da cidadanía no colectivo dos socios de Enerxía Comunitaria.
Malia ter adoptado a forma dunha sociedade de capital, en Enerxía Comunitaria, os principios organizativos e de toma de decisións obedecen a un modelo democrático, tal e como establecen os nosos Estatutos. Así, Enerxía Comunitaria, S.L., quere construír un modelo 100% renovable, equitativo, distribuído e eficiente, en mans das comunidades locais, promovido desde a participación e a transparencia. Ademais, queremos ser unha ferramenta activa na transición do modelo enerxético, con capacidade para xerar impacto social e económico mediante a replicación do modelo.

O modelo de Enerxía Comunitaria
Enerxía Comunitaria é unha empresa con forma de Sociedade Limitada cun marcado carácter asociativo, participativo e comunitario. O seu obxectivo é investir en enerxías renovables, servindo de vínculo ou nexo de unión entre un amplo conxunto de cidadás para promovermos, xuntas, o uso racional da enerxía en beneficio da comunidade.
As actividades que levará a cabo Enerxía Comunitaria poderán incluír non só o investimento en proxectos de enerxía renovable, senón tamén a provisión de información, asesoramento e sensibilización sobre a enerxía sostible, con atención ás persoas e á sociedade. Desta forma, a nosa iniciativa busca lograr un valor engadido social, ecolóxico e económico para a comunidade.
Ademais, cómpre destacar que Enerxía Comunitaria é, a priori, unha empresa financeiramente viable, aínda que debe lembrarse que mercar participacións sociais nunca está exento de riscos.
¿Cales son os elementos diferenciais do modelo de Enerxía Comunitaria?
Para describir o noso modelo de negocio, debemos considerar as notas características esenciais da iniciativa que Enerxía Comunitaria representa. Algúns destes aspectos clave serían os que enumeramos a continuación.
- Participación cidadá directa e significativa
- Pertenza voluntaria e aberta
- Control democrático por parte dos socios
- Participación económica dos socios
- Autonomía e independencia do proxecto
- Educación, capacitación e información como parte do valor ofrecido á sociedade
- O trazo central non é a obtención de beneficios económicos, nun sentido estrito, senón a contribución ao máis amplo e ambicioso concepto da creación de valor, tanto para o usuario como para a comunidade.
Solidariedade urbana-rural
Este proxecto non só ten un impacto ambiental positivo, tamén fortalece o tecido social. O proxecto iníciase porque os propietarios das terras e a veciñanza próxima non se opuxeron a el, non mostraron desconformidade. Este proxecto descartou desde o primeiro instante pórse en marcha se eses actores locais mostraban o seu rexeitamento.
Paga a pena referir que a iniciativa de Enerxía Comunitaria supón o establecemento dun vínculo a longo prazo cos propietarios das terras, que serán remunerados pola cesión de uso dos seus terreos conforme a unha cota de alugueiro xusta que, eventualmente, podería mesmo chegar a convertelos en partícipes de Enerxía Comunitaria, S.L., no caso de que, de común acordo coa empresa, estes opten por percibir este alugueiro en forma de participacións sociais da mesma.
Por outra parte, ao investir nun muíño eólico comunitario, créase lazo solidario entre as persoas das cidades, onde se concentra o consumo, e as das zonas rurais, onde se concentra a produción. Neste modelo solidario todos gañan: xérase enerxía limpa, auméntanse as rendas locais e rurais, os habitantes urbanos topan unha conexión directa coa fonte do seu benestar.




