O Proxecto
Somos unha spin-off da Universidade de Vigo, e propoñemos unha alternativa. Queremos contribuír a construír un modelo enerxético 100% renovable, democrático e en mans da xente.
Enerxía Comunitaria é unha ferramenta para permitir e propiciar a participación da cidadanía na transición enerxética.

O noso primeiro paso é poñer en marcha un parque eólico comunitario, propiedade dos seus socios. Producirase enerxía eléctrica para vender no mercado porque queremos ser un actor diferente no
sistema eléctrico.
Se queres contribuír a este cambio de modelo enerxético faite socio. Serás parte da solución, e propiciarás que os beneficios da nosa enerxía queden, por fin, no noso territorio.
Testemuñas Socios Fundadores
Historias reais de quen xa cre nun modelo máis sostible, local e participado por todas.

O aproveitamento dos recursos naturais renovábeis do medio rural polas comunidades locais é unha condición imprescindible para enfrontar e resolver os retos do cambio climática e da xustiza social. Esta iniciativa pioneira vai nese camiño.
XAVIER SIMÓN FERNÁNDEZ
Doutor en economía ecolóxica, catedrático de economía aplicada, responsable do Observatorio Eólico Galego. Especialista en economía ecolóxica.

Como cidadá, creo que é bo poder ter capacidade de elección nos bens e servizos que consumimos. Isto non acontece de xeito moi doado en relación co subministro de enerxía, no que os e as consumidoras non podemos controlar certos parámetros polo seu carácter máis técnico. Sen embargo, Enerxía Comunitaria SL, xorde como iniciativa común para poñer nas nosas mans algunhas desas decisións de subministro. Gústame tamén o seu carácter democrático e persoal, para non ser un número nas listas dunha gran compañía.
SARA LOUREDO CASADO
Profesora axudante doutora de Dereito mercantil. Liña de investigación principal en propiedade industrial: marcas e deseños.

Tomei a decisión de participar como socio fundador en Enerxía Comunitaria SL por dúas razóns fundamentais. En primeiro lugar, porque é unha iniciativa empresarial innovadora, que ten como obxectivo ofrecer á cidadanía unha ferramenta de participación directa na produción de enerxía 100% renovable. En segundo lugar, porque considerei que, grazas á miña experiencia como xurista, podía achegar valor ao lanzamento dun proxecto empresarial galego, aberto, democrático e participativo.
JULIO COSTAS COMESAÑA
Catedrático de Dereito mercantil da Universidade de Vigo. Especialista en Dereito de sociedades e Dereito da competencia.alego. Especialista en economía ecolóxica.

Creo que as enerxías renovables son unha oportunidade social, económica e medioambiental para Galicia, fronte ás alternativas, e debemos procurar formas de xerar o maior valor posible con elas.
FRANCISCO XAVIER MARTÍNEZ COBAS
Profesor de economía financeira e contabilidade e padroeiro da Fundación Isla Couto.

Creo que un sistema enerxético baseado en fontes renovables e máis distribuído, no que a cidadanía xogue un papel relevante como produtora de enerxía, é un sistema más sostible medioambiental, económica e socialmente
MARÍA CRISTINA SÁNCHEZ GONZÁLEZ
Enxeñeira industrial, con especialidade en electrotecnia e experiencia profesional en xestión de proxectos industriais. Profesora de sistemas eléctricos e automáticos. Co-promotora da comunidade enerxética Melidá.

Participar en Enerxía Comunitaria é unha oportunidade para adherirse a unha iniciativa absolutamente pioneira en Galicia, na que a propiedade e a capacidade de influencia na toma das decisións de negocio recaen sobre a cidadanía, entendida esta nun senso especialmente amplo, aberto e inclusivo.
JOSÉ MANUEL HEREDIA CONDE
Funcionario do Corpo Superior da Administración Xeral da C.A. de Galicia.

É unha iniciativa innovadora e honesta que tenta impulsar a participación da cidadanía no mercado enerxético. Tamén coido que é unha oportunidade de aprendizaxe e para pór en práctica a miña experiencia como xurista neste ámbito
FRANCISCO JOSÉ TORRES PÉREZ
Profesor titular de Dereito mercantil. Liña de investigación principal en Sociedades Cooperativas.




