Do monte á enerxía: o que hai que cambiar para que as comunidades de montes sexan protagonistas da transición enerxética
As Comunidades de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) son propietarias colectivas de case un terzo do territorio forestal de Galicia. Teñen vento, teñen sol e teñen terra. O que non teñen, polo de agora, é un marco xurídico que lles permita ser socias directas dunha sociedade mercantil para aproveitar enerxeticamente os seus propios recursos. Un obstáculo legal que non responde a ningún interese público claro, pero que na práctica deixa fóra do xogo ás comunidades que máis dereito terían a ser protagonistas da transición enerxética en Galicia. Este artigo, elaborado a partir das intervencións de dous reputados xuristas no I Encontro de Entidades Comunitarias pola Transición Enerxética celebrado na Universidade de Vigo en maio de 2026, analiza os atrancos normativos existentes, os camiños xurídicos posibles mentres non chega o cambio lexislativo, e o que ese cambio debería contemplar.
Sobre a capacidade xurídica das CMVMC para participar como socias en comunidades enerxéticas constituídas baixo a forma de sociedade mercantil: atrancos normativos e necesidade dun cambio
Os pasados días 28 e 29 de maio de 2026, celebrouse na Facultade de Ciencias Económicas e Empresarias da Universidade de Vigo o I Encontro de entidades comunitarias que traballan e impulsan a transición enerxética comunitaria, organizado por: OEGA (Observatorio Eólico de Galicia), RC4RURAL (Rural Fostering Local Engagement for Clean Energy Transition in Rural Areas through Energy Communities), CISPAC (Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais), Observatorio dos Montes e Enerxía Comunitaria SL.
O programa do encontro incluíu unha mesa sobre «O papel das Comunidades de Montes Veciñais en Man Común na transición enerxética», contando como poñentes con D. Ernesto Regueira Núñez (Notario e Profesor de Dereito Civil na UVigo) e D. Xoan Antón Pérez Lema, socio de Pérez-Lema.
Ambos reputados xuristas, con experiencia práctica no ámbito das Comunidades de Montes Veciñais en Man Común (en adiante, CMVMC), faláronnos dos atrancos xurídico-formais que afrontar as CMVMC para constituír ou participar no capital de sociedades mercantís que teñan por obxecto social o aproveitamento enerxético (fotovoltaico ou eólico) do monte en man común, como consecuencia de que a normativa propia non lles recoñece personalidade xurídica propia e diferenciada da dos comuneiros que a integran, sendo esta -a personalidade xurídica- un requisito legal para constituír unha sociedade mercantil, pero tamén para constituír unha asociación ou unha fundación.
En efecto, en Galicia, o marco normativo propio das CMVMC vén determinado pola Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e pola Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia. Ambas leis galegas non realizan un recoñecemento expreso da personalidade xurídica destas comunidades, pero si recoñécenlle plena capacidade xurídica para realizar actos e negocios xurídicos vinculados aos seus fins; isto é, para a xestión e defensa dos recursos do monte en man común.
Á vista desta normativa galega, a doutrina e a xurisprudencia nega ás CMVMC personalidade xurídica propia. Mais, como dicíamos, a personalidade xurídica semella necesaria para ostentar a condición de persoa socia dunha sociedade mercantil, en concreto dunha sociedade de capital, dado que o Real Decreto lexislativo 1/2010, do 2 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de sociedades de capital (en adiante, LSC), parece reservar a condición de persoa socia ás persoas físicas e ás xurídicas (arts. 12, 19 e 21 LSC).
Sobre esta base normativa e doutrinal, a actual Dirección Xeral de Seguridade Xurídica e Fe Pública, na Resolución do 20 de marzo de 2014 (BOE do 25-4-2014, núm. 100, Sección III, páx. 32850 e ss.), ditada no recurso interposto contra a negativa do Rexistro Mercantil I de Pontevedra a inscribir a escritura de constitución dunha sociedade limitada, cuxa única persoa socia era a «Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común», confirma o criterio do rexistrador. Así, afirma a Dirección Xeral que “non cabe constituír unha sociedade de capital por unha comunidade de montes veciñais en man común, ao carecer de personalidade xurídica (…)” e engade que “non se acredita que o único socio fundador teña personalidade xurídica como asociación (…)”.
Con todo, o artigo 47 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, dispõe o seguinte:
«Artigo 47. Mancomunidades de montes veciñais en man común
As comunidades poderanse mancomunar para o mellor cumprimento dos seus fins. O contrato no que se plasme esta comunidade de bens, ou os estatutos da asociación que se cree, e en xeral a fórmula xurídica que se utilice, deberá ser comunicada ao Rexistro Xeral de Montes Veciñais en Man Común a través da sección provincial correspondente, xuntando poder bastante de quen actúe en representación da devandita comunidade».
Deste texto regulamentario despréndese que as CMVMC, sen ter personalidade xurídica, dispoñen de capacidade xurídica para concluír contratos de constitución de comunidades de bens (carentes tamén de personalidade xurídica propia), de asociacións (que si teñen a condición de persoas xurídicas) e de calquera outra (por exemplo, fundación, sociedade civil, sociedade mercantil, sociedade cooperativa…), sempre que estes contratos teñan por obxecto mancomunarse para o mellor cumprimento dos seus fins propios, onde cabe incluír o aproveitamento do vento para xerar enerxía.
Como se pode observar, esa capacidade xurídica está literalmente limitada á constitución de «mancomunidades de montes en man común». Que coñezamos, non existe un concepto xurídico legal de «mancomunidade». Si acudimos ao significado léxico, o dicionario da RAG indica que unha «mancomunidade» é una «agrupación de distintas persoas ou entidades unidas polos mesmos intereses para a común realización dun fin, e en particular a de municipios ou provincias legalmente constituída». A cuestión que se suscita á vista do rótulo dese artigo 47 é si unha mancomunidade de CMVMC pode estar integrada tamén por persoas ou entidades que non sexan CMVMC. A resposta parecería negativa: ao abeiro deste precepto regulamentario só se poden mancomunar CMVMC.
No obstante, a realidade móstranos a existencia (ao menos) dunha asociación privada sen ánimo de lucro integrada por varias CMVMC e outro tipo de entes e persoas: a Asociación Forestal de Galicia (AFG). En efecto, constituída en 1986, AFG ten como socios a propietarios forestais de montes de particulares e comunidades de montes veciñais en man común. Dende un punto de vista xurídico, AFG non pode ser cualificada como unha mancomunidade de montes en man común; por tanto, o artigo 47 antes reproducido non daría amparo normativo para ser socio de AFG.
Ademais, consonte á Lei Orgánica 1/2002, de 22 de marzo, reguladora do Dereito de Asociación, só poden ser socios dunha asociación as persoas físicas e xurídicas, polo que quedarían excluídas as CMVMC (artigo 3). Pero pese a todo, a AFG está formalmente constituída e, por tanto, dotada de personalidade xurídica propia.

Por outra banda, ese artigo 47 recoñece ás CMVMC capacidade para mancomunarse baixo calquera «fórmula xurídica». Por tanto, a mancomunidade poder constituírse como sociedade civil ou como sociedade mercantil (ambas dotadas de personalidade xurídica propia); tamén adoptando unha forma asociativa ou de base societaria, dotadas de personalidade xurídica propia (asociación e fundación) ou sen ela (unha sociedade irregular).
En definitiva, podería sosterse que as CMVMC teñen capacidade xurídica para ser parte dun contrato de sociedade, sempre que o ente ou organización nacido de tal contrato teña por obxecto mancomunar ou cooperar para o mellor aproveitamento do monte en man común. Neste senso, non debería haber maior problema para considerar que unha sociedade mercantil que teña por obxecto social o aproveitamento do sol ou do vento mediante instalacións de situadas en monte comunal ten por obxecto o mellor aproveitamento dos recursos que pode xerar o monte, polo que debería recoñecerse ás CMVMC capacidade xurídica suficiente para ser socias de tales sociedades mercantís. Pero, como xa apuntamos, neste momento, o parecer xurídico da Dirección Xeral de Seguridade Xurídica e Fe Pública é contrario a esta interpretación.
Mentres se manteña esa interpretación restritiva e literal da capacidade xurídica das CMVMN, estas só poden participar de forma indirecta en sociedades mercantís que teñan por obxecto a xeración e comercialización de enerxía obtida a partir dos recursos do monte en man común. Isto é, unha mancomunidade de CMVMN constituída baixo unha forma xurídica dotada de personalidade xurídica propia (asociación, fundación ou sociedade civil ou mercantil) si pode ser socia dunha sociedade mercantil que teña por obxecto a xeración de enerxía a partir do aproveitamento dos recursos do monte comunal.
Esta situación xurídica que acabamos de describir non ten razón de ser; non se adapta á realidade dos recursos que pode ter o monte e dificulta sen razón aparente que as CMVMC deixen de ser simples receptores pasivos das rendas que produce o monte comunal (pero que outros explotan para beneficio propio) e se convertan en actores directos dun proceso de transición enerxética máis xusto e participativo.
A tal fin é preciso que o lexislador galego realice os cambios normativos necesarios. Nesta dirección camiña o proxecto de nova Lei de cooperativas de Galicia de setembro de 2025. En efecto, a diferenza do texto vixente, o artigo 19 establece expresamente que poden ser persoas socias as comunidades de bens xermánicas, sendo as CMVMC o tipo de comunidade xermánica de maior transcendencia social e económica existente en Galicia. Ademais, crea ex novo, como una clase de cooperativa específica, as «cooperativas de enerxía» (artigo 127).
Pero sobre todo é preciso modificar a lexislación propia das CMVMC e a lei de montes, para atribuírlle capacidade xurídica non só para constituír mancomunidades de montes en man común con personalidade xurídica, senón tamén calquera outro tipo de entidade ou sociedade que teña por obxecto o mellor aproveitamento dos recursos do monte veciñal, incluíndo expresamente entre os fins das CMVMC o aproveitamento enerxético dos recursos do monte.

Entre tanto non chegan estes necesarios cambios normativos, os tribunais e demais axentes xurídicos (notarías, rexistros, avogacía, academia…) terían que interpretar a normativa vixente dunha forma flexible e adaptada á realidade social actual, recoñecendo ás CMVMC capacidade xurídica para constituír e participar directamente en todo tipo de comunidades enerxéticas, con independencia da forma xurídica baixo a que se constitúan.
Cabe lembrar que as comunidade enerxéticas son entidade empresariais baseadas na participación voluntaria e aberta, efectivamente controladas polas persoas socias, que teñen por finalidade primordial proporcionar beneficios ambientais, económicos e sociais aos seus membros e ao territorio local antes que ganancias financeiras baseadas no capital achegado, operando no sector eléctrico con actividades de produción, consumo, distribución, subministro, agregación e almacenamento de enerxía.
Enerxía Comunitaria SL é unha comunidade enerxética, xa que consonte aos seus estatutos ten por obxecto social principal a produción e comercialización a terceiros de enerxía eléctrica procedente de fontes 100% renovables; en concreto, ten por obxecto a instalación e posta en funcionamento dun pequeno parque eólico de carácter comunitario. Enerxía Comunitaria SL é unha entidade aberta á cidadanía, xa que toda persoa (particularmente CMVMC, Asociacións, PEMEs, Administracións…) pode adquirir a condición de socia mediante a adquisición de participacións sociais. Enerxía Comunitaria SL tamén é unha entidade controlada polas persoas socias, pois os seus estatutos prohiben que unha soa persoa socia poida chegar a ostentar a maioría do capital social e exixen que os acordos da Xunta xeral se adopten por maiorías de persoas. En definitiva, Enerxía Comunitaria SL pretende mostrar que á cidadanía -particularmente as CMCMC- poden ser axentes directos e activos dun modelo de transición enerxética mais xusta e participativa.
En resumo: o que nos di este artigo
As CMVMC teñen capacidade xurídica para xestionar os recursos do monte, pero a lexislación vixente non lles recoñece personalidade xurídica propia. Iso impídelles, na interpretación actual da administración, ser socias directas dunha comunidade enerxética constituída como sociedade mercantil.
Existen camiños indirectos mentres non chega o cambio lexislativo, pero son engorrosos e innecesarios. O que se precisa é modificar a lexislación propia das CMVMC para recoñecerlles explicitamente capacidade para participar en calquera entidade vinculada ao aproveitamento dos recursos do monte. O proxecto de nova Lei de cooperativas de Galicia de 2025 vai nesa dirección.
Mentres tanto, xuristas, notarías e tribunais deberían interpretar a normativa de forma flexible e adaptada á realidade actual.
O monte comunal galego ten recursos, ten comunidade e ten vontade. O que precisa é que a lei estea á altura.
Buscar
Artigos recentes
Enerxía Comunitaria no Pont-Up Store
Estamos moi emocionados por ter sido convidados a participar nesta iniciativa aberta a toda a cidadanía cuxo principal obxectivo é o apoio ao emprendemento e o incremento da cultura emprendedora na sociedade. Como spin-off da [...]
Enerxía Comunitaria colabora co Consello da Cultura Galega
A xornada “Innovación nun clima que cambia”, organizada polo Consello da Cultura Galega o 17 de xuño de 2026 en Santiago de Compostela, ofreceu un espazo privilexiado para reflexionar sobre como a innovación pode responder [...]
Do monte á enerxía: o que hai que cambiar para que as comunidades de montes sexan protagonistas da transición enerxética
As Comunidades de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) son propietarias colectivas de case un terzo do territorio forestal de Galicia. Teñen vento, teñen sol e teñen terra. O que non teñen, polo de agora, [...]
Enerxía Comunitaria abre unha nova vía de contacto directo en Telegram
A partir de agora, calquera persoa interesada na nosa iniciativa pode contactar con nós de forma directa e privada a través de Telegram. Só tes que buscarnos polo noso nome de usuario (@Enerxia_Comunitaria) ou acceder [...]
Recursos de Galicia e Enerxía Comunitaria, camiños entrelazados
Enerxía Comunitaria SL está a desenvolver unha serie de encontros con persoas e entidades para presentar o seu proxecto. Desta volta acudimos a Santiago para visitar a Recursos de Galicia (RdG), unha empresa público privada [...]
Enerxía Comunitaria na Prensa: Artigo de Opinión en Nós
Un dos nosos socios, o catedrático de economía aplicada da Universidade de Vigo, Xavier Simón, vén de publicar un texto en Nós Diario. Nese texto deféndese que outro modelo enerxético é posible. Explícase como, co [...]











